Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Boqueixón colabora na segunda temporada da escola Vértice de carreiras por montaña dirixida a nenos e nenas de 11 a 16 anos


O Concello de Boqueixón colabora por segundo ano consecutivo co CDM Vértice na organización da Escola Deportiva de Carreiras de Montaña. Un proxecto iniciado o ano pasado ao abeiro do convenio asinado entre a Federación Galega de Montañismo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e no marco do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade.

 

O Concello de Boqueixón súmase a esta segunda temporada da escola polo seu interese en impulsar unha modalidade deportiva que respecta o medio ambiente e que promove actividades na natureza para os máis cativos. A isto súmase que as actividades teñen lugar ao aire libre na contorna do Pico Sacro, un dos maiores atractivos culturais e paisaxísticos do municipio.

 

A inscrición está aberta en https://clubvertice.es/escola. As sesións terán lugar todos os xoves pola tarde no Pavillón de Lestedo, en diferentes horarios en función da idade das persoas participantes. As clases serán impartidas por Verónica Calvo Dopazo, actual seleccionadora galega de carreiras de montaña, e contan co apoio dos concellos de Boqueixón e Vedra.

 

Xogos na montaña

 

Verónica é licenciada en ciencias da actividade física e do deporte e mestra con especialidade de educación física, ademais de contar cun máster de nutrición. Conta con titulacións en diversas disciplinas deportivas, como a de adestradora nacional de tríatlon e natación ou adestradora de voleibol. Ten unha importante experiencia docente e está acostumada a traballar con nenos e nenas.

 

A actividade estará orientada á diversión e o pracer de xogar, pois a través dos xogos, os nenos e nenas aprenderán a técnica de carreiras por montaña, coñecerán os diversos terreos cos que se podemos atopar no monte, como aplicar a técnica de carreira a cada terreo… Practicarán xogos para mellorar a condición física e para coidar o medio ambiente. Ademais, introduciranse no mundo da orientación, coa lectura básica de mapas a través de buscas do tesouro. E xa por último adquirirán nocións básicas de nutrición.